Métodos construtivos

A Torre de Hércules é o único faro romano que conserva en pé unha parte importante da súa estrutura, inda que oculta pola construción neoclásica. De planta cuadrangular, na actualidade mide 55 metros, 34 dos cales corresponden á fábrica romana, e os restantes realizáronse no século XVIII baixo a dirección de Eustaquio Giannini. O faro érguese sobre unha plataforma poligonal, que data do século XIX.

As fachadas austeras repiten estrutura nas catro caras. Intercalan vans en diferentes alturas e están percorridas por unha cinta pétrea helicoidal que evoca a rampla da época romana, pola que se ascendía ó cume da estrutura, e da que permanecían as pegadas nos muros cando Giannini comezou a súa rehabilitación, a finais do século XVIII. O remate superior é octogonal, e sobre el disponse o fanal que alberga a lanterna. O núcleo da edificación, recuberto por esta estrutura neoclásica, corresponde á construción romana deseñada por Caio Sevio Lupo no século I, á entrada do golfo Ártabro para acompañar ós barcos que bordeaban o extremo máis occidental do imperio. A estrutura organizábase en tres niveis con catro cámaras independentes por planta.

As fábricas romanas están perfectamente definidas do xeito seguinte:

  1. Opus caementicium: utilizado para as bóvedas, realizado con cascotes de cantos amalgamados con morteiro de cal.
  2. Opus Vittatum: empregado nos paramentos, realizado con cachotería cuadrangular en fileiras horizontais. O interior destes paramentos estaban recheos con opus caementicum.
  3. Opus quadratum: encadraba os vans e estaba composto por bloques paralelepípedos colocados en fileiras horizontais. Tratábase de cantería ben escuadrada e de calidade.

Durante longos períodos, trala caída do Imperio Romano, a Torre de Hércules sufriu un abandono que afectou ás cubertas e á rampla de acceso polo que no século XVII o Duque de Uceda ordenou a construción dunha escaleira que permitise o acceso ó cume do edificio, o trazado do cal mantivo un século despois Giannini na súa gran reforma. As escaleiras percorren o núcleo romano e ascenden ata o espazo octogonal situado na parte superior, tamén coñecido como Sala Giannini, onde o enxeñeiro deixou a súa sinatura. Dende esta cámara accédese á lanterna, aloxada nunha pequena estrutura.