Benvidos a web do CIAV, centro dedicado á interpretación da Torre de Hércules, con información sobre a súa evolución histórica e funcional.

O actual Centro de Interpretación e Atención ó Visitante (CIAV) da Torre de Hércules, o contido do cal se presenta nesta web, sitúase ós pes da rampla que permite acceder ó edificio. Destinado a recibir e proporcionar ó visitante información histórica e actual relacionada co monumento e a súa contorna, está composto por dous cubículos.

Na entrada, unha escultura de Hércules, realizada por Francisco Leiro, dá a benvida ó visitante. Á súa dereita, sitúase un espazo de recepción atendido por persoal especializado, onde tamén se poden atopar distintos folletos con información sobre a Torre, o CIAV e os recursos turísticos da cidade.

Na parte esquerda, pódense ver distintos módulos, mapas, maquetas e pantallas interactivas que ofrecen ó visitante información acerca da evolución histórica do faro e da súa contorna dende o punto de vista patrimonial, cultural e social.

Amósanse tres mapas en relevo nos que se analizan datos relativos ó ben, incidindo na importancia das rutas comerciais dende a época romana ata os nosos días e sitúa ó espectador no contexto temporal que deu orixe ó faro. En tres maquetas expóñense un trirreme romano, a reconstrución hipotética do edificio na época romana e a Torre actual, o que permite comparar os dous momentos históricos do edificio e recrear o orixinal.

Existen varias pantallas que permiten revisar a recompilación da información que se presenta sobre o monumento, incluíndo carteis, imaxes, mapas ou planos antigos. Pódese visualizar tamén unha proxección que explica, mediante a sucesión de imaxes, as fases de configuración do edificio. Complétanse os contidos con paneis informativos sobre a evolución histórica da Torre e os acontecementos máis relevantes, a descrición dos modelos construtivos romanos, a Tábula Peutingeriana, as sinaturas de quen interveu no edificio e a evolución da súa función como sinal marítimo e instrumento de navegación dende a súa orixe ata a actualidade.

A Torre de Hércules é Patrimonio da Humanidade e o único faro inscrito nesta lista promovida pola UNESCO. Este recoñecemento salienta a excepcionalidade do monumento e cumpre un dos requisitos valorados polo organismo internacional, ó achegar un testemuño único sobre unha tradición cultural ou unha civilización viva ou desaparecida.

Os primeiros trámites para acadar a Declaración de Patrimonio da Humanidade para a Torre de Hércules iniciáronse en 1986, recibiron un novo pulo en 2001 da man do Instituto de Estudos da Torre de Hércules e concluíron en 2009 coa aprobación por unanimidade do Comité de Patrimonio Mundial da UNESCO, en Sevilla o 27 de xuño deste ano.