O faro no tempo
Co fin de establecer contactos comerciais, no ano 61 a. de C., Xulio César dirixiu unha expedición que chegou por mar a Brigantium. Este desembarco deu lugar á fundación dun establecemento colonial estratéxico nos confíns do imperio e despois, nun importante porto da retagarda durante as Guerras Cántabras.
Durante a paz de Augusto fóronse incrementando as relacións comerciais, o que supuxo o desenvolvemento da estrutura viaria e o aumento do tráfico marítimo que favoreceu o proceso de romanización. Neste contexto, o noroeste peninsular converteuse nun territorio fundamental e o porto de Brigantium, nun dos principais puntos de arribada da vía XX, onde se refuxiaron as armadas romanas no seu camiño á conquista de Britania.
Este interese militar serviu para que o Imperio Romano xustificase a construción do faro. Ata entón, a navegación dende Xibraltar deica Fisterra facíase paralela á costa, a unhas poucas millas do litoral, seguindo per loca marítima. Porén, en Brigantium tiñan de orientar as proas dos seus barcos cara ó canle da Mancha e ós territorios do norte, internándose nun mar aberto, perigoso e con moita marusía.
Dende a súa construción, o faro segue a cumprir a misión de orientar e dirixir ós navegantes na inmensidade do océano.