A contorna
A contorna da Torre de Hércules é unha extensión de terreo de 47 hectáreas percorrida por sendeiros sinalizados, limitada por praias e cantís bañados polo océano Atlántico. Este grande espazo natural en plena cidade serve de lugar de lecer para os visitantes, salpicado dun conxunto de obras que conforman o Parque Escultórico. As primeiras mostras artísticas datan da Idade de Ferro e son petróglifos dun depósito de restos arqueolóxicos no Monte dos Bicos, situado na Punta Herminia. As inscricións, formas xeométricas e signos, están dispostas na rocha de xeito aleatorio.
As esculturas contemporáneas poderíanse agrupar por temáticas:
- A mitolóxica, na que a figura de Hércules adquire un gran protagonismo, con obras como “Las puertas de Hércules” ou “Hércules”, “Combate entre Hércules y Gerión” ou “Copa do Sol”.
- A marítima, con aquelas que aluden ó mar e á navegación, como “Rosa de los vientos”, “Espinoso” ou “Caracola”.
- A histórica, co Cemiterio Mouro e o Monumento ós fusilados, como referentes. O primeiro, construído na Guerra Civil, albergaba tumbas de soldados musulmáns, para converterse nos últimos anos na Casa das Palabras, simbolizando o diálogo entre civilizacións. Respecto ó segundo, obra de Isaac Díaz Pardo, sitúase no Campo da Rata, onde as tropas franquistas axustizaron a numerosas persoas.