Época romana
Trala conquista romana, o comercio marítimo aumenta considerablemente en frecuencia e volume debido á presenza do continxente militar e a importancia da costa para a penetración no interior. Deste xeito, prodúcese a normalización do sistema de navegación de altura e a travesía polo Cantábrico permite completar o dominio romano no Atlántico Norte.
As augas hispanas quedan unidas ás do Mare Britanicum permitindo o desenvolvemento da tecnoloxía naval, das bases da frota e das rutas marítimas. A construción do faro, que evitaba a perda de referencia da costa e acompañaba ós barcos que bordeaban o estremo máis occidental do Imperio e á súa probable statio del portorium, contribuíu de xeito significativo ó incremento da navegación de altura e ós contactos atlánticos.
Por terra, a construción das vías que corría a cargo do exército permitiu o control romano do territorio. No Itinerario de Antonino, documento do que se conserva unha copia do século IV, inda que pareza ter sido redactado con anterioridade, aparecen relacionadas algunhas das vías de Galicia, coma a vía XX, chamada per loca marítima, que unía Braga con Lugo pola costa; a vía XIX, que conectaba Braga con Lugo polo interior ou a vía XVIII, que enlazaba Braga con Astorga.
Na Tábula Peutingeriana, conservada na Biblioteca Nacional de Austria, representouse o sistema de transporte público deseñado para comunicar o vasto Imperio romano. A versión que chegou á actualidade, baseada na orixinal datada no século III, realizouse no século XII en pergameo e fragmentouse en once seccións. A que correspondía á Península Ibérica e na que se representa a Torre, non aparecía na versión realizada en 1598 sobre esta, mais foi reconstruída na elaborada en 1898 por Konrad Miller. O obxectivo desta guía era describir a estrutura viaria do Imperio, o cursus publicus, de aí a orientación do plano oeste-este.
A posición estratéxica de Brigantium, o núcleo orixinario da Coruña actual, supoñía un porto de abrigo dentro das rutas comerciais marítimas do Imperio Romano. Era a localización máis setentrional da costa atlántica e nela facían escala frotas cargadas de mercancía, ademais de servir de lugar de carga, descarga e distribución para o resto da Península e outros portos coma os de Bordeos ou Cádiz. A embarcación empregada era o trirreme, herdeira, en parte doutras de fenicios, gregos e cartaxineses, cunha eslora de máis de 40 metros e unha manga de 6 a 7 metros. Para o seu funcionamento necesitaba unha tripulación de trescentos mariñeiros, entre remeiros, infantes de mariña, oficiais e suboficiais.