Función de Faro

A Torre de Hércules, datada entre os séculos I a. C. e I d. C., é o único faro romano que, dende as súas orixes ata a actualidade, cumpriu coa súa función de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que cruzan esta zona do corredor atlántico.

Para a súa localización escolleuse Punta Eiras, situada no extremo da península onde se atopa a Coruña. O noroeste de Hispania era entón o límite occidental do Imperio Romano, polo que a súa edificación resultou ser de utilidade vital para a navegación da época.

Segundo as últimas investigacións, a luz que desprendía o faro era alimentada por unha lámpada de aceite de grandes dimensións sobre a cal se colocaba unha pedra afuracada da que saía unha mecha, que unha vez acesa, proxectaba a luz sobre un espello parabólico. O mecanismo podería ser móbil grazas a un sistema hidráulico. Isto facilitaba que a intermitencia da luz emitida fose interpretada como un sinal marítimo.

Entre os séculos V e XV, distintas fontes sinalan que a Torre podería ter desempeñado unha dobre función, a de fortaleza e a de faro. Antes da reforma neoclásica, en 1684 construíuse unha escaleira interior e dúas pequenas torres con farois.

A partir de 1790, a lanterna alimentarase con carbón nun braseiro de ferro e contará co apoio doutro farol de aceite. Ó longo do século XIX sucédense as melloras tecnolóxicas no sistema de iluminación. Tras reformar o corpo superior, en 1806 instálase un mecanismo xiratorio, incrementando a potencia luminosa cun aparato catadióptrico que acadaría as 20 millas. Será en 1883 cando se instale unha nova lámpada mecánica que funcionaba con parafina, a luz da cal era reflectida por 48 cristais.

En 1927 o faro comeza a empregar a enerxía eléctrica e o seu escintileo acada ás 32 millas. Cincuenta anos máis tarde, instálase un radiofaro de emisión continua e dende esa época emite catro escintileos de luz branca cada vinte segundos, que se poden ver a 23 millas.

A Torre de Hércules é o único vestixio de sinalización marítima construído no Imperio Romano que continúa activo, tanto no litoral mediterráneo coma no atlántico. Porén, esta civilización levantou importantes faros na marxe do océano Atlántico, coma o de Cádiz, que estaba coroado por unha grande estatua; o de Chipiona (Cádiz), descrito por Estrabón coma un dos mellores 9 da época; a Torre da Orde (Francia), que medía 60 metros e desapareceu por un corremento de terras; o de Dover (Reino Unido), que foi ordenado construír polo emperador Calígula.

Pola súa banda, no Mediterráneo, o faro de Ostia (Italia) sinalizaba a entrada do porto máis importante do imperio pola súa proximidade a Roma; o de Mesina (Italia) velaba polo tráfico marítimo entre Sicilia e a Península; o de Laodicea (Turquía) foi clave no desenvolvemento dos lazos comerciais con Oriente (Libia) e o de Leptis Magna (Libia) forma parte dun conxunto arqueolóxico, tamén catalogado como Patrimonio Mundial.