Lendas e pegadas

A fundación do faro está vinculada con diversas lendas que se perpetuaron ó longo dos séculos. A máis coñecida é a de Hércules, da cal a Torre toma o seu nome. Sería Afonso X o Sabio quen, no século XIII, conta a historia de Hércules, que venceu tras tres días de loita ó xigante Xerión, que tiña sometida á poboación. No lugar onde enterrou a cabeza do seu inimigo, o heroe mandaría edificar unha torre e na súa proximidade fundou unha cidade á que chamou Crunia, en honor da primeira muller que habitara no lugar. Despois, o seu sobriño Espán, tras ser proclamado señor de España, acabou de construír a Torre do Faro, dotada dun candil con lume que xamais se apagaría.

A segunda lenda máis estendida conta que Breogán fundou a cidade de Brigantia, na costa da cal edificou unha torre. O seu fillo Ith albiscaría dende ela Irlanda e tentaría conquistala, aínda que sería asasinado. Así a todo, o seu irmán Mil, á fronte dun grande exército, levaría a cabo a súa empresa, logrando se facer co control do país.

Pola súa banda, no relato de Trezenzonio mestúranse as historias anteriores. Este monxe, tras percorrer Galicia, subirá á Torre dende a que divisa unha illa onde viaxará. Despois de vivir un período en estado de beatitude, debe regresar, pero tras desouvir este mandato, sufre diversos castigos. Cando torna a Galicia, atópase coa Torre medio derrubada e a cidade repoboada.

O vencello milenario entre a Torre de Hércules e a Coruña plasmouse ó longo da historia a través da historiografía, das lendas e da mitoloxía, da vida cotiá e das novas. Dende a súa representación máis antiga no mapamundi do Beato do Burgo de Osma, ca.1085, o faro aparece representado en cartografía, mapamundis, cartas náuticas e planos.

A finais do século XV convértese na imaxe da cidade ó se integrar no seu escudo, pasando a formar parte do día a día dos cidadáns, característica que se conserva na actualidade ó protagonizar logotipos de empresas, mobiliario urbano, recordos ou selos.

Así mesmo, é o monumento máis visitado polos turistas, a súa imaxe aparece reproducida en numerosas fotografías, postais e vídeos promocionais da cidade e de Galicia. A súa presenza nos medios incrementouse coa súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial en 2009.

Ademais de servir de inspiración para destacados artistas ó longo do século XX como Urbano Lugrís ou Luis Seoane, o faro romano foi tamén testemuña do océano Atlántico máis inhóspito e, nas súas proximidades, producíronse afundimentos de petroleiros, coma o Urquiola ou o Mar Exeo, causantes de gravísimos desastres ecolóxicos.