Sinaturas

A evolución histórica da Torre de Hércules pódese seguir mediante as inscricións existentes no propio edificio ou a través das referencias feitas polos historiadores clásicos coma Ptolomeo, Dion Cassio ou Paulo Orosio, que escribiu “no segundo ángulo da Península, na cidade de Brigantia, érguese unha torre altísima, digna de mención”. É de salientar que se conserva a sinatura en latín do arquitecto do faro, datada no século I, resgardada nun pequeno templo próximo á Torre, onde reza:

“Consagrado a Marte Augusto. Caio Sevio Lupo, arquitecto de Aeminium (Coimbra) Lusitano en cumprimento dunha promesa”.

Xa na Época Moderna, o Duque de Uceda, no século XVII, deixou a súa pegada nun perpiaño onde se pode ler:

“Lupo construíuna emulando as marabillas de Menfis, dotouna dunha escaleira e alumou as naves dende o seu cume”,

establecendo unha comparanza entre o faro coruñés e o de Alexandría.

Coa reforma neoclásica, no século XVIII, José Cornide redactou dúas placas conmemorativas que se colocaron sobre as portas da entrada, as cales lembran as obras realizadas durante os reinados de Carlos III e Carlos IV. Así mesmo, nesa centuria, Eustaquio Giannini deixou constancia do seu traballo:

“DIRIXIO ESTA OBRA EL THENIENTE DE NAVIO INGo ORDINARIO DE MARINA D. EUSTAQUIO GIANNINI”.